WordPress

Pode parecer que a estas alturas con Blogger en man de Google e moitos outros servizos para publicar unha bitácora xa funcionando a pleno rendemento, pouco sitio podía haber no mercado para un novo xogador, pero aínda tiña que vir un novo servizo a facerse co trono. Falamos de WordPress.

A primeira beta de WordPress víu a luz en maio do 2003 da man de Matt Mullenweg e Mike Little,  converténdose nun sucesor natural de b2/cafelog, un xestor de contidos de código libre que se usaba na época e que contaba naquel momento con máis de 2000 instalacións. Tras a beta chegou a primeira versión estable 1.0 en xaneiro do 2004, e dende entón seguíu evolucionando ata converterse no que é hoxe en día, que se atopa na versión 4.8.

Actualmente WordPress está presente en máis dun 58% das webs das que se coñece o seu xestor, un indicador de que non só foi un dinamitador do mundo dos blogs senón da web en xeral.

WordPress está dispoñible para todo o mundo de balde na súa web, tan só é preciso descargar a última versión do seu repositorio, instalala no  hosting e asignarlle un dominio. Pero tamén existe a opción sinxela, a que ofrece Matt Mullenweg en wordpress.com, empresa na que o creador da plataforma traballa proveendo de hosting e dominio da última versión do xestor para todos aqueles que queren comezar na plataforma dunha forma sinxela e sen necesidade de ningún tipo de coñecemento.

WordPress é, xunto con Blogger, unha das principais plataformas no mundo actual para a creación de blogs.

 


Imaxe | Googleseo.marketing
Matt Mullenweg | Ma.tt
Sobre WordPress | WordPress.org