Blogaliza

Blogaliza é o primeiro punto de encontro no longo camiño que andarían, e andan, os blogs en galego. Nado da mente de Pedro Silva, baixo o peudónimo de Goretoxo, o 21 de xaneiro do 2003 empeza a súa andaina como un blog sen un fin concreto. Co tempo acabaría converténdose nun punto de encontro de bloggers e lectores en galego, un sitio na rede onde atopar novos blogs.

Ao abeiro desta proposta empezan a agromar os blogs en galego, blogs que, unha vez solicitado, pasaban a formar parte da comunidade de Blogaliza, o que supuña estar nun listado e que os seus artigos saíran na portada da comunidade.

Creado orixinalmente sobre pMachine, un software de EllisLab, evolucionaría ata converterse na actualidade nunha plataforma baseada en WordPress sobre a que calquera pode crear e xestionar o seu propio blog.

Blogaliza foi durante moito tempo unha das mellores formas de descubrir novos blogs en galego, foi o punto de encontro da comunidade nos seus primeiros anos e un censo aberto ao mundo. Ademais, como logo estudarían Lara Dopazo e David Lombao no seu traballo “A normalización lingüística do galego através dos blogs: o caso Blogaliza” sería un dos principais participes da normalización lingüistica na rede.

Ademais de en Blogaliza, Pedro Silva tamén sería unha das partes implicada na creación de Podgalego, o directorio de referencia dos podcasts galegos.

 


Galipedia | Blogaliza
Prisma.com | A normalización lingüística do galego através dos blogs: o caso de Blogaliza (2006)
En Vieiros | Blogaliza, diarios dos enredantes galegos